lunes, 14 de febrero de 2011

LONGA NOITE DE PEDRA


O teito é de pedra.
De pedra son os muros
i as tebras.
De pedra o chan
i as reixas.
As portas,
as cadeas,
o aire,
as fenestras,
as olladas,
son de pedra.
Os corazós dos homes
que ao lonxe espreitan,
feitos están
tamén
de pedra.
I eu, morrendo
nesta longa noite

de pedra.





Breve comentario do poema:
Este é un dos poemas máis coñecidos de Celso Emilio, que comparte nome coa súa publicación de poemas máis importante. O poema fai referencia á situación de Galicia durante o período da ditadura franquista. Todo o poema é unha metáfora, que identifica a dureza material da pedra cos momentos duros da vida. O mellor do poema é que é válido para calquera época, porque en calquera lugar do mundo hai alguén sufrindo en condicións parecidas ás que lle tocou vivir a Galicia durante a ditadura.

martes, 8 de febrero de 2011

DEITADO FRENTE AO MAR


Lingoa proletaria do meu pobo
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña;
porque me sai de dentro, alá do fondo
de unha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bós que sofren longo
unha historia contada en outra lingoa.
Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruís e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os estúpidos,
non falo pra os valeiros,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de todos os que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada frente ao mar, ise camiño...




Breve comentario do poema:
Para min, este é sen dúbida o poema máis representativo da poesía reivindicativa de Celso Emilio Ferreiro, un dos mellores poetas da nosa terra. Nesta composición fai unha clara defensa do dereito que temos os galegos de disfrutar da nosa cultura, en especial da nosa lingua, que non debería estar considerada inferior a outras en teoría con máis prestixio. A min gústanme especialmente os tres primeiros versos, cargados de significado:
Lingoa proletaria do meu pobo
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña.